Os alumnos e as alumnas de sexto comezamos este novo curso coas pilas ben cargadas e como non podía ser doutro xeito, comezamos as tarefas e proxectos deste ano coa nosa de Arts and Crafts.

Para conmemorar o Samaín, pero tamén o Halloween, puxémonos de acordo para organizar un concurso de máscaras terrroríficas. Ao comezo pareceunos demasiado difícil, pero en canto nos puxemos mans á obra, repartimos as responsabilidades e organizamos as tarefas xa todo foi parecendo máis fácil.

O primeiro que fixemos foi organizarnos en cinco grupos, un por cada curso participante no concurso (de 1º a 5º), a profe axudounos a facer isto, e tamén nos asignou os cursos. Cada grupo debería organizar o concurso para o curso que lle tocou. Iso implicaba facer as bases, elaborar os cartaces que anunciaban o concurso e tamén decidir e elaborar os premios do concurso.

Mentres o coordinador de cada grupo se reunía cos demais coordinadores para que as bases fosen as mesmas para todos os cursos, o resto dos membros do grupo comezaron a deseñar os cartaces. Habíaos máis orixinais e máis terroríficos, pero todos colaboramos!

O máis difícil foi facer os premios. A profe púxonos a condición de que non podíamos comprar nada, de xeito que todo tiña que ser material que xa tivesemos por casa ou reciclado... Inda así quedaronnos uns premios preciosos!

O día de Samaín, mentres vían a película “Coco”, fumos por todas as clases repartindo os premios.... canta ilusión! Canta emoción! E tamén houbo algunha que outra bágoa.... seguro que gañan a próxima vez!