Os nenos e as nenas de cuarto comezamos este novo curso unha andaina moi divertida. Trátase dun horto escolar, no que imos plantar tomates, allos, leitugas… entre outros produtos que a terra nos dá.

Pero que traballiño dá un horto escolar! Por iso contamos coa axuda e o apoio, non só dos nosos mestres, senón tamén da asociación AsoProVida. Os seus membros veñen ata o cole todos os mércores e ensínannos todo o relativo ao cultivo e coidado das plantas.

O horto escolar non consiste só en facer buratos e botar a semente. Hai unha morea de cousas que facer antes diso!

O primeiro que tivemos que facer foi preparar a terra e para iso arrincamos toda a herba, que aproveitamos para facer compost. Logo remexémola con moito tino, para que se airee. Despois fixemos os sucos e fomos colocando cada un dos gomos; botamos un puñado de abono e tapamos coa terra con moito xeitiño.

Tamén temos unha zona de compostaxe, onde reciclamos todos os restos orgánicos que temos no comedor do cole.

Os días que chove traballamos na sementeira, que é un espazo no que plantamos as sementes en pequenas macetiñas para que medre o gomo que despois plantaremos na terra.
Non vos imaxinades o éxito que está a ter o noso horto ecolóxico!